Sunday 28 de April de 2024

O Concello destina 300.000 euros ás festas tradicionais dos barrios da Coruña


As asociacións veciñais poderán presentar a partir do martes 8 de marzo as súas propostas de celebracións para este ano

O Concello da Coruña destinará 300.000 euros a celebracións e festas nos distintos barrios da Coruña durante este 2022. O Instituto Municipal Coruña Espectáculos (IMCE) ven de convocar o Plan de dinamización cultural dos barrios da cidade, que permitirá ás diferentes asociacións veciñais presentar as súas propostas coa fin de recibir un máximo de 12.000 euros para a súa organización.

O obxectivo desta convocatoria é a participación e a divulgación de valores socioculturais na cidade, ademais de descentralizar o programa cultural para achegarse a todos os barrios. As asociacións veciñais presentarán ao IMCE as súas propostas de festas, que deberán ser de carácter gratuíto e realizados en espazos accesibles e públicos. Están incluídas neste plan as festas tradicionais e populares de arraigo cultural promovidas polas asociacións, cuxa celebración contribúe a manter tradicións e costumes propios.

O prazo para solicitar estas axudas comeza o martes 8 de marzo e as bases e o formulario para as asociacións estará dispoñible a partir do luns 7 na páxina web de Cultura da Coruña. O prazo para presentar as propostas será de 15 días naturais. No caso de que o importe total dos proxectos seleccionados non supere os 300.000 euros que o Concello destina a esta fin, o IMCE poderá incrementar o gasto a cada proxecto individual por enriba dos 12.000 euros.

Con este plan de carácter anual o Goberno municipal de Inés Rey amosa o seu compromiso co tecido asociativo e cultural da cidade e o seu apoio á dinamización dos distintos barrios da Coruña. Tras a celebración satisfactoria do Entroido, o Goberno local espera que, sempre que a situación sanitaria o permita, o resto de festexos da cidade volvan á normalidade da época previa á pandemia da Covid.